| noticias |
 |
|
|
| próximos conciertos |
 |
|
No hay conciertos disponibles |
|
|
 |
|
componentes
|
 |
|
|
 |
| historia |
 |
|
Dios Ke Te Crew edita por fin o seu novo disco, que terá por nome "Xénese" e que xa está nas tendas. Será editado por DKTC Sons ( o propio selo discográfico do grupo ) mais a editora galega Falcatruada, e será distribuído por Discmedi en todo o estado español e o veciño Portugal. É un traballo autoxestionado polo propio colectivo, gravado e mesturado en Rapapoulo Estudio por Mou e masterizado en Abrigueiro Estudios por Arturo Vaquero. Trátase do primeiro disco de Rap integramente en galego, o cal marca un antes e un despois na historia da música galega. Nos 16 cortes que forman o disco, os seus catro mc´s dan renda solta ás súas línguas dun xeito compacto, abordando temas moi diversos como o movemento do HipHop; a realidade cultural, social e política; as realidades persoais deles mesmos; a Monarquía; os problemas deste mundo; a troula; o paso dos anos, etc ... As súas letras veñen cheas de realidade, humor, retranca e moito sarcasmo. Poesía explícita e ritmos contundentes. Con este traballo danlle unha volta máis á concepción do Hip Hop, voltando ós seus oríxenes e á filosofía da que naceu esta cultura... Collendo como motivo a iconografía cristiá e a xénese da biblia, parodian á relixión católica e ó propio hip hop. Todo isto asentado sobre unhas bases musicais dun nivel excepcional, que recollen pinceladas de varios estilos, como son o jazz, o rock, o reggae, o hardcore e, como non, o funk, que ten unha presenza especial durante grande parte do LP. Un traballo orixinal e máis que pensado no que contan ca sorprendente colaboración do coñecido actor galego Miguel de Lira, que aparece interpretando o papel dun cabo da garda civil no corte 09 ( titulado "Guateque interruptus" ), e no que ademáis podemos atopar fotografías de Ovideo Aldegunde, ilustracións e graffitis de Sekone e de outros integrantes do colectivo coma Mou, Kerg, Osiris, Pake, Spen, Gum, Sont ou Sokram, este último, encargado do deseño e a maquetación do CD. Despois de que 5talegos e Ghamberros xa apareceran anteriormente en varios recopilatorios: Revolta Sonora (Sons de Luita. 99), Mixtura(A.C.Lucerna. 2002) e Con Dignidade! (Madam mir. 2003), en abril do 2004 o colectivo edita a súa primeira referencia, o debut de Ghamberros, de título homónimo, que obtivo un grande recoñecemento por parte do público e da critica. Dios Ke Te Crew naceu en Ordes, ó longo do 2003, como o resultado da xuntanza de xente vinculada dunha ou doutra maneira ao mundo do HipHop. No tocante á parte musical, 5Talegos e Ghamberros, os dous grupos de Ordes, fusionáronse para levar a cabo a parte Rap do colectivo, ó que se sumarían os graffiteiros Vandals Crew e Cousas Novas, e os breakers composteláns Playmovil Kids. A súa heteroxénea posta en escena, onde graffiteiros, breakers, dj´s e mc´s se mesturan no esceario pintando, bailando, rapeando e scratcheando, fai que os seus directos sexan moi distintos ao que estamos acostumados a ver. HIP HOP ao completo nun mesmo formato, un espectáculo coordinado ao milímetro con moita forza e enerxía e pinceladas de teatro. A súa traxectoria nos últimos anos é crecente, ao igual que o público que os acompaña en cada directo, sendo as súas actuacións posiblemente o seu punto forte, nas que deixaron pegada en lugares como o Auditorio de Galicia, dentro do ciclo Sons da Dviersidade; o festival Microfest do Multiusos Fontes do Sar; o I Festival Internacional de HipHop de Pontevedra "Cultura da Rúa"; ou o Festigal 03 e 05...., Durante a súa andaina compartiron esceario con artistas de sona nacional e internacional como Explicit Samourai, Zuco 103, Terrakota, Ojos de Brujo, La Mala Rodríguez, SFDK, Violadores Del Verso, Solo los Solo, La Excepción, ..., e un largo etcétera ó longo de toda a xeografía galega e parte do resto do estado. Participaron tamén en outros proxectos relacionados coas artes, como poñer a música a varias curtametraxes, (dúas das cales producidas por Xosé Zapata (I.B.Cinema): Mártires e O Derradeiro, pertencente este último ao conxunto de curtas agrupadas co nome de Hai que botalos) ; ou realizar exhibicións e obradoiros nos que ensinan as diferentes artes que compoñen a cultura HipHop coma o break dance, o djing ou o graffti.
|
|
 |
|